A exposición ROJO é o resultado da residencia que realicei na Fundación Eugenio Granell (Santiago de Compostela) entre os meses de marzo e setembro de 2017. O proxecto foi comisariado por Monse Cea.

«A residencia de Trastoy na institución, serviu para destilar a esencia de dez anos de traballo do artista: un fértil período de reflexión que conformou un proxecto específico formado por tres instalacións.

Na montaxe, a obra realizada durante a residencia vai acompañada dun pequeno grupo de pezas anteriores, mostra dos camiños percorridos polo artista ata facelos cristalizar na súa obra actual».

«En ROJO, o debuxo, alicerce de toda obra do artista, abandona o formato bidimensional e se expande, adquirindo un formato escultórico con obras que cuestionan a distancia entre arte e artesanía. No ano 2007 o artista sitúa o cambio de paradigma con respecto á súa obra anterior. Desde o debuxo digital, base da súa pintura, Trastoy opta por un debuxo que amplía o seu campo de acción a través de técnicas ancestrales de traballo artesanal como o tecido, a cestería ou a cerámica».

«A exposición esta formada por varias instalacións realizadas con debuxos encarnados mediante o tecido de diversos materiais: arame, cintas adhesivas, fío de cáñamo… ou mediante a cerámica.

O deseño da montaxe funciona a modo de contenedor, xunto cos valores destilados da propia institución museística, para forzar o carácter aberto de cada peza, partindo da premisa de que estamos ante obras de arte que poden adquirir diferentes entidades».